Wednesday 15 de May de 2024

Fomento compromete co alcalde de Oroso a reparación dos viais de servizo da N-550 ao seu paso polo municipio


O alcalde Manuel Mirás pediulle ao xefe do Servizo de Conservación e Explotación de Estradas en Galicia que se renove todo o firme da N-550 entre Santiago e Ordes

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, reuniuse esta mañá con Eduardo Toba, xefe do Servizo de Conservación e Explotación da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, para insistir na necesidade dun arranxo en profundidade da N-550, sobre todo no tramo que une Oroso con Santiago e con Ordes. “Os parcheos que se están a facer son insuficientes”, explicoulle Mirás Franqueira, quen insistiu en que “é necesario repoñer todo o firme da estrada entre Ordes e Santiago. Unha vía tan importante precisa dunha nova capa de rodadura e dunha nova sinalización, tanto vertical como horizontal”.

Así mesmo, Manuel Mirás aproveitou o encontro para transmitirlle a Toba unha vella demanda de Oroso: o arranxo dos camiños de servizo vencellados á N-550. “Comprometeuse comigo a que se acometería a reparación urxente dos camiños de servizo, que están actualmente intransitables. Espero que non falle ao seu compromiso”, explica Manuel Mirás. De feito, non é a primeira vez que o Concello de Oroso solicita o arranxo deste viais de servizo da N.550, cheos de fochancas e en moitos lugares mesmo sen ningún tipo de firme, mais esta é a primeira ocasión na que un ente dependente do Ministerio de Fomento se compromete co arranxo destas pistas, fundamentais para pequenos desprazamentos dos veciños entre localidades cercanas sen ter que entrar na Nacional.